Biografía

Jorge Rey sostendo un monicreque.

Jorge Rey naceu en Bos Aires e iniciou a súa longa traxectoria no escenario na cidade porteña xa durante os seus estudos de secundaria, aló polos anos setenta do pasado século. A súa formación teatral principiou con mestres como Alberto Ure, Augusto Fernández, Ana Labat e Eduardo Tato Paulovsky. En 1979, empurrado pola opresión da ditadura en Arxentina, emigra a Madrid, onde colabora coa revista arxentina El expreso imaginario, e tras breves estadías en Barcelona e Lugo, recala finalmente en Galicia grazas, en parte, á amizade que mantiña co insigne galeguista Arturo Cuadrado. En 1980 instálase en Santiago e axiña coñece a Roberto Vidal Bolaño, para quen traballa na súa histórica compañía Antroido. Non tardaría en confeccionar os seus primeiros bonecos para a montaxe Teatrinho de Feiras e en 1983 estréase como dramaturgo co texto La Guerra de las Galicsias. Tras participar na fundación da compañía de monicreques Trécola, en 1985 crea a súa coñecida formación Títeres Cachirulo. Ese mesmo ano participa na primeira coprodución ao redor dos monicreques do Centro Dramático Galego (CDG). Así, coa unidade de teatro público dirixe Ubúe no Outeiro.

Con Cachirulo, Jorge Rey acabaría por se converter nun referente no teatro de monicreques. A formación, á que se uniría Carmen Domech en 1993 co espectáculo Tribulaciones con Don Condón, desenvolveu máis de 40 montaxes combinando textos clásicos con autorías propias cunha gran variedade técnica: marionetas de fío, luva chinesa, bunraku, monicreques de gran formato, ruadas ou teatro de sombras. Entre os espectáculos que produciron, pódense destacar títulos como Pinocho, Camino de Aventuras, Do, re, mi Mozart aquí ou Xela contra o Dragón Traga-Verbas, montaxe coa que Cachirulo gañou o Premio María Casares ao mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas en 2023.

Jorge Rey e a compañía Títeres Cachirulo abriron en 1997, no corazón histórico de Compostela, a lembrada Sala Yago, que mantivo a súa intensa actividade até 2007. Este recinto cultural recibiu o Premio Max das Artes Escénicas 2003 na categoría de Teatro Alternativo. A Sala Yago serviu ademais como plataforma de lanzadeira á revista Bululú, que Rey editou entre o ano 2000 e 2004.

En 1996, crea a Asociación Cultural Barriga Verde en Santiago de Compostela, a través da cal dirixe e xestiona o Festival Internacional de Teatro de Títeres Galicreques, un dos principais encontros de monicreques de toda a Península Ibérica e cuxa traxectoria superou xa o cuarto de século.

Como autor ten publicado libros como El Rei Artur e a abominable Daha, xunto a Marilar Aleixandre e Carmen Domech coa editorial Ir Indo, ou El inspector Ure -Obras Didácticas co selo Leviatán. Coa compañía aInternacional dirixiu e escribiu obras como Péron, Perón ou Frida.